BIOGRAFIA

Nacín un nun caloroso 25 de xullo de 1955 no lugar da Praia, en Moaña. Estudiei na escola da Castañeta e logo na Academia Seara, onde nos preparaban para os exames, por libre, do Bacharelato Elemental. Completei o Bacharelato no Instituto de Rodeira, daquelas o único da bisbarra. Finalmente gradueime en Profesorado de EXB na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Pontevedra. O meu primeiro destino como mestre foi o C.P. Reibón, en Moaña. Logo desenvolvín o meu labor docente do CP. Seara, no CP. A Sagriña de A Guardia, no CEIP Espiñeira de Aldán e no IES María Soliño de Cangas, ata a miña xubliación.

Dende moi novo participei de modo activo na vida social, cultural e deportiva da miña vila natal. Tamén dende novo me sentín atraído pola creación artística, en especial polo debuxo e a escrita. A complexa situación política do país e as influencias dos cantautores e dalgúns poetas galegos (Celso Emilio Ferreiro, Manuel María...) leváronme pronto polo camiño da poesía político-social, versos hoxe felizmente agochados no faiado.

Considerando como van as cousas non descarto verme na obriga de resucitalos...


As influencias da miña profesión leváronme cara o conto e o teatro para nenos. Naceron entón "Paco Carafera" e "A incrible viaxe de Adrián e o Galo de Lume", obras ás que estou a someter a un imprescindible "reestiling". Tamén están dirixidas ao público infantil as obras de teatro: "A for fea" e "A mentireira historia da Carapucha verdadeira".

No ano 2000 abracei con ilusión un subxénero literario que antes nunca profanara: o microrrelato. Un amor -creo que mutuo- que segue vivo e dando os seus froitos. Ese ano, un dos meus microrrelatos, o que leva por título "Contrabando" foi merecedor do primeiro premio no Certame de Microrrelatos convocado pola Lonxa Literaria de Moaña. Ese mesmo ano, o conto da miña autoría: "O verán no que Manolo Escobar veu actuar nas festas do Cristo" foi, igualmente, merecedor do primeiro premio de Narracións Breves convocado pola AA VV Nós, de San Pedro de Darbo. Ese ano o tema do certame era: "O derradeiro verán do século". Volvín presentar unha obra a ese mesmo certame, desta vez na edición do 2004, sendo merecedor, novamente, do máximo galardón coa miña obra "Aconteceu nun outono que se negaba a selo".

No ano 2007 presentei, por vez primeira, unha obra ao Certame de Relatos de Muller "Matilde Bares", convocado polo CIM do Concello de Bueu. Malia que a miña obra non resultou galardonada, non me desanimei: a obra non premiada foi evoluíndo ata converterse na miña primeira novela longa: Viuvas de vivos e de mortos. Na edición seguinte presentei a miña obra "Ollos de cinsa" que foi seleccionada coma a mellor das presentadas nesa edición.

Durante anos seguín a facer compatibles a miña profesión, a miña vida familiar coas miñas grandes afeccións: a carreira a pé e a literatura.

A finais do ano 2016 rematei a miña novela "Insulae Deorum" e presenteina ao Concurso de Novela Torreste Ballester. A convocatoria dese ano bateu todos os récords de participación, cun total de 101 novelas na modalidade de lingua galega. De entre elas o xurado escolleu 18 finalistas, entre as que estaba a miña obra.

Animado por este recoñecemento decidín editar a miña novela. Logo dunha decepcionante experiencia de autoedición tiven a gran sorte de que Edicións Xerais de Galicia aceptase editar a miña novela, cunha lixeira variante no título, pasando de "Insula Deorum! a "As Illas dos Deuses"

Na actualidade, retirado xa do ensino, ademais de promocionar a miña novela, sigo a cultivar as miñas afeccións, escribindo e correndo.

Se vos animades podemos compartir rúas, camiños e circuítos, tamén contos, relatos e novelas... Con esa intención foron elaboradas estas páxinas, con esa intención naceron e medraron os meus escritos.